O TESOURO

Madeira policromada.

1924

2x0,80 m

Colección particular

Representa unha moza ataviada cun traxe típico no que destaca o pano, polo seu delicado traballo. A moza volve da feira, despois de comprar un tenreiro, o tesouro. Asorey é testemuña da escena real, que contempla na Porta do Camiño e que reproduce fielmente. A muller ten a fisionomía típica de Asorey: ollos claros, pómulos marcados e rosados, e mostra unha expresión de orgullo froito da súa compra, un tenreiro que leva nos brazos mentres avanza con paso firme e decidido. O tema do porte dun animal atopámolo dende a estatuaria grega co Moscóforo, ata na arte cristiá, onde o animal adquire un simbolismo relixioso. Ao mesmo tempo, enxalza a vida da aldea, baseada no campo e na economía agrícola e gandeira, campo que ten o
seu reflexo na saia da moza, a través dos bordados en forma de flores e follas.

Para conseguir o maior realismo posible na representación do corpo, da súa postura, movemento e forza, Asorey fixo que a moza que lle servía de modelo collese un can do peso dun tenreiro nos brazos, para así estudar a tensión dos músculos baixo o peso do animal. Lembremos que Asorey era escultor anatómico forense da Facultade de Medicina de Santiago, de aí os seus coñecementos e a súa preocupación pola anatomía e a súa obsesión por reproducila fielmente.

A obra tiña unha peaña, hoxe inexistente.

Asorey preséntaa na Exposición Nacional de 1924 en Madrid, onde ocupa un lugar privilexiado e leva grandes eloxios por parte da crítica especializada. Con todo, o tema populista non é de pleno agrado da academia, que lle concede a segunda medalla. Isto levanta un gran clamor popular en Galicia, onde se homenaxea a Asorey cunha comida en Sobrado e el mesmo declara: "E como xa conto cunha segunda medalla, terán que darme a primeira, e daranma!". Ata a poesía popular recolle o sentimento de desagravio: "Anqu´ise segundo premio, contando ben, foi xusticia, quó primeiro xa ch´o deran, déracho toda Galicia".

 O feito de que se lle conceda a segunda medalla, algo preacordado, fai que a comisión do xurado dimita en pleno, pero ao día seguinte o secretario obrígaos a aceptar esta decisión.

A obra foi comprada por Luca de Tena, director do diario ABC, polo dobre da contía do premio (10.000 pesetas). Foi revendida en 2011.

No Museo do Pobo Galego, consérvase o orixinal en escaiola, unha doazón da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo.