MONUMENTO A SAN FRANCISCO

Santiago de Compostela

Granito e mármore

1925-1930

En 1925, os Franciscanos e as Terceiras Ordes e Mocidades Antonianas emprenden o labor de conmemorar a
celebración do décimo sétimo centenario da morte de San Francisco, cuxa peregrinación a Santiago se conmemora en 2013. Foi aquí en Santiago onde o santo recibe a "orde celestial" de fundar conventos por toda a península para a expansión da súa orde.

Nesta conmemoración, decídese levantar un monumento ao santo, encomendado a Asorey. E a comisión organizadora é o M. R. P. Reitor dos Franciscanos e visitador da Terceira Orde de Santiago e os RR. PP. Comisario Provincial da V. O. T. e Director Nacional da Mocidade Antoniana.

O primeiro proxecto do monumento é moi modesto, pero grazas á actividade propagandística do P. Manterola e ao ser de subscrición aberta decontado se modifica debido ás xenerosas achegas chegadas de todos os puntos de España e mesmo de América. O primeiro proxecto data do 1 de
xullo de 1925 e nel recóllese o seguinte:



  • O proxecto presentarase en xeso.

  • As dimensións. Nun principio, o monumento tería 9 metros de altura, 4 de base na fronte e 3,20 de fondo.

  • O custo dos materiais. A roupaxe de San Francisco será de pedra gris e as súas carnes de mármore sepia. As demais figuras serán de pedra máis clara no pedestal. As pedras procederán das canteiras de Castrelos e as do pedestal virán das canteiras de Padrón.

  • O artista cobrará 40.000 pesetas, desagregadas en varios pagamentos: un 15 % para o material, un 40 % durante a execución e o resto ao remate da obra.

  • Haberá un tempo de finalización (non especificado neste contrato) e, se neste tempo non se concluíse a obra, a Comisión poderá apropiarse dela. De ser o caso, reintegraríanselle a Asorey o custo dos materiais non empregados, aínda que a súa contía se xustificase deducíndoa da cantidade total do prezo total da obra.

Así mesmo, establécese que antes de aprobarse o proxecto se necesita un anteproxecto cun modelo debuxado no que se especifiquen as figuras representadas e as súas escalas, para que a Comisión xustifique a cantidade que se ha entregar polo custo dos materiais. Tamén se especifica que, a medida que se vaia concretando o monumento, se presentarán os seus corpos en madeira, en xeso ou debuxos máis detallados, a condición de que non afecten as figuras que se van representar e os materiais.

O proxecto só será alterado por forza de causa maior absolutamente xustificada.

A primeira pedra do monumento é colocada o 17 de outubro de 1926, en presenza da Peregrinación Terciaria
de Galicia, do Comité Internacional do Centenario de San Francisco en Roma e da Xunta Nacional do Centenario en Madrid. Asorey está acompañado polo Padre Martín Manterola, o Reverendo Samuel Eiján e o Reitor do colexio, Alejandro Toribio. A partir de aquí, o monumento crece e desenvólvese conforme ao
previsto e vai aumentando en altura e magnificencia ata a súa inauguración o 24 de xullo de 1930.

A INAUGURACIÓN

O 24 de xullo de 1930, sucédense os actos durante todo o día. Actos que comezan cunha misa de comuñón celebrada polo Padre Reitor do colexio, Fr. José Mosquera, e ás 10 e media empezou a misa cantada.

Houbo tal afluencia de público e autoridades que foi necesario habilitar sitios para as diferentes comisións -eclesiástica, civil, militar e cultural de Santiago-, presididas polo Excelentísimo Señor Gobernador Civil, o Alcalde compostelán, os reitores da Universidade Pontificia e Universidade Literaria, coroneis de artillería e infantería etc., sen esquecer as comunidades franciscanas vindas de todos os puntos de Galicia.

Dende a porta do convento, iníciase un desfile presidido polo prelado Zacaría Martínez Núñez e acompañado
polos coros e a Banda Militar, ata o monumento, que é descuberto por Rodríguez de Viguri, entre aclamacións e aplausos que se multiplican ao ser bendicido polo Señor Arcebispo.

A seguir, vén a quenda dos discursos. O prelado insiste na supremacía do espiritualismo, maxistralmente
reflectido por Asorey. A este ségueo Don Isidoro Millán, que é relevado por Ramón Cabanillas, que le un emotivo poema dedicado ao monumento. Terminou a rolda de discursos Rodríguez de Viguri , que falou en nome do Ministro de Graza e Xustiza.

Despois disto, a multitude desfilou abraiada e marabillada ante o monumento, algo que se repite nos días
posteriores.

O MONUMENTO

Asorey di do seu proxecto: "A San Francisco debe erixírselle un monumento franciscano. Nin bronces, nin
aplicacións metálicas, nin sequera mármores. Esta riqueza de material desdise do ideal franciscano. Todo de granito. Isto é moi franciscano. A riqueza e a vistosidade debemos gastala no trazado e na execución da obra. Na pedra podemos gravar máis ideas ca materias, máis finas quizais, xamais espertan no
espectador".

O monumento definitivo mide 12 metros de altura e 4,10 metros en cada lado do baseamento. É o último gran monumento que fai no seu taller de Caramoniña, que está diante do convento de San Francisco. A súa base é unha plataforma cadrada de granito na que Asorey plasma a data de inauguración e a súa sinatura (hoxe en día, tapados pola reordenación da rúa, que supuxo un engadido de terra ao redor da base do
monumento). Máis arriba, podemos ver a inscrición conmemorativa ao "Pobrecillo de Asís".

A partir de aquí, o granito confórmase en bloques sen labra, a modo de dolmens, en alusión á Galicia
intemporal, unidos ás representacións dos vicios -clara inspiración no Pórtico da Gloria- esmagados pola apoteose figurativa.

O primeiro corpo (2,10m) está integrado por catro grupos figurativos, dous diante e dous detrás, separados por representacións animais alegóricas: a ovella e o seu cordeiro (en alusión ao Cristianismo e á resignación e á mansedume que San Francisco lle inculcou ao pobo) e o lobo de Gubio, o irmán lobo, entre cuxas patas aparece un coello, que simboliza o irmandamento que San Francisco predicaba. Como anécdota, hai que sinalar que o lobo é o mesmo que tallou no San Francisco que fixo en 1926, obra que levou a primeira medalla na Exposición Nacional. Para facer de modelo do animal colleu un can lobo, un cruzamento de pastor alemán con algún can salvaxe. E tal era a ferocidade do animal que tiña os operarios do taller mortos de medo e máis pendentes del que do seu traballo, co cal houbo que facer uns debuxos rapidamente e soltar o animal. 

O primeiro grupo, en actitude de avance cara ao centro, representa a sociedade gótica, o poder e o pobo, en actitude de ofrenda. O primeiro está representado polo rei, o cabaleiro e o clero, identificados polos atributos que portan (algo que se remonta aos relevos persas en que os representantes de cada provincia levaban en procesión os seus presentes ao monarca). O pobo está representado por unha familia campesiña. O pai descansa pensativo e hierático apoiado na aixada, mentres que a muller se converte, como en tantas obras de Asorey, en símbolo da maternidade, da unión coa terra a través das flores que a acompañan; é unha figura máis expresiva e próxima grazas á súa unión co fillo, ao que porta en brazos. Completa este grupo a filla adolescente que mostra certa curiosidade pola escena. Todas as figuras rebordan o realismo característico desta etapa.

No reverso aparecen os transfigurados polo espírito de Asís, os continuadores da orde. No centroaparece o escudo da orde. Á dereita, hai un grupo de tres mulleres: SantaClara, con expresión mística e co ostensorio eucarístico nas súas mans; unharelixiosa sentada e meditando e orando que, con Santa Clara, representan o rezoe o traballo, predicados polos franciscanos; a terceira figura é unha dama quecingue sobre a súa roupa o cordón franciscano e representa, polo tanto, as Terciarias.Á esquerda, hai tres figuras masculinas que reflicten de novo o influxo doPórtico da Gloria sobre Asorey. Un deles é San Bernardino de Siena en cuxosbrazos acubilla un libro co anagrama de Cristo, o predicador incansable, queaparece secundado por un cabaleiro da Terceira Orde. A terceira figura é unfrade para o cal se tomou de modelo un franciscano que daquela habitaba noconvento e que aparece en clara actitude meditativa, o que reflicte a riquezada súa vida interior.

Este corpo únese co seguinte conpedras a modo de cordón franciscano, en clara alusión ao santo e con raíces denovo na antigüidade; neste caso, é un recurso da arte visigoda.

 

O corpo representa o santo flanqueado por tres deliciosas figuras femininas, as virtudes pobreza, castidade e obediencia. A pobreza é unha doncela que aparece erguida e riseira sobre as espiñas que representan a súa penuria; lembra as figuras femininas góticas nos pregues acanalados da túnica e na dozura do seu rostro. A
obediencia é unha figura con gran movemento, o seu corpo está en torsión e parece tremer na súa loita interior para desprenderse dos praceres mundanos.
Por último, a castidade leva entre os dedos da súa man esquerda o lirio (flor alusiva á pureza), mentres que eleva a man dereita en actitude de bendicir. Este corpo mide 2,25 metros.

Na parte frontal e presidindo o monumento, aparece a figura de San Francisco (2,80 metros) abrindo os seus
brazos cara á Catedral en alusión á súa peregrinación a Compostela, á vez que en actitude de abrazo. Viste o hábito da orde tallado en granito gris escuro e cinguido polo cordón de tres nós de mármore branco. A cabeza, as mans e os pés son de mármore sepia e reflicten unha grande espiritualidade. O rostro é sereno, cos ollos pechados e o sorriso esbozado, mentres que as mans e os pés, de estudada anatomía, presentan os estigmas. O modelo foi un señor de apelido Otero que ía polo taller para facer recados e encargos e, a cambio, comía cos operarios; tal era desgraciadamente a súa pobreza. Convén destacar o realismo anatómico. Nos pés, represéntanse perfectamente os tendóns, nos torsos adivíñase a anatomía..., debido a que Asorey é escultor anatómico da Facultade de Medicina de Santiago.         

Ao redor do santo, Asorey coloca grupos de rosas de amor, lirios e pombas, que lle serven para unir este corpo
co superior.

No último corpo, Cristo, representado como o alado de Verna, irradia a súa caridade ao Santo de Asís.
Combina as formas humanas coas extremidades membranosas e nestas destaca un fino granito branco, en contraste co sepia do conxunto. A iconografía é románica e representa un Cristo frontal, hierático e horizontal, no que destaca o estudo anatómico do torso. A frontalidade compleméntase co patetismo, grazas
a unha estreita coroa de espiñas. O Cristo encáixase nunha estrutura en forma de estrela ou de cruz, a modo do típico cruceiro galego, mirando cara á Catedral compostelá e sinalando o camiño cara ao sacro templo.