Granito rosado sobre base de mármore
1958
67x30x31 cm
Colección particular
Asinada e datada
Trátase dun retrato de formas simples pero expresivas que revelan a beleza da modelo. A cabeza vira lixeiramente sobre o ombreiro esquerdo. Está peiteada cara atrás co pelo en lixeiras e elegantes ondas e coa fronte lisa e despexada. A mirada é serena, os pómulos altos, a boca carnosa e o pescozo longo, o que contribúe á estilización da figura. A pedra utilizada é de tonalidade rosa para plasmar o tipo de pel
nórdico, pois era de nacionalidade sueca.
A retratada é a muller do directivo da Shell, o Señor Hall. Cando está en Portugal, decátase da existencia de Asorey, ao que lle encarga este retrato. Mentres se executa, o matrimonio aloxábase no Hostal dos Reis Católicos. É alí precisamente onde a Señora Hall se namora do seu chofer e deixa o seu marido, que loxicamente nunca pasou a recoller o retrato que lle encargara a Asorey.