ALTAR DE CHACARITA
Bosquexo en escaiola
1944
99x103x25 cm
Depósito da familia Asorey no Museo do Pobo Galego
Grupo da Piedade. Nel Asorey está claramente influído polo románico e, máis concretamente polo Pórtico da Gloria, pero tamén pola xeometría imposta polo cubismo. O grupo está concibido como unha cruz. Na obra definitiva, cambia a orientación de Cristo de dereita a esquerda.
A figura de María é frontal e sedente. Recolle as súas mans á altura do peito partido polo pregue da túnica. A composición enlaza claramente coa figura de Santiago apoiado na tao do Pórtico da Gloria. Sobre ela, voan os anxos e aparecen símbolos co sol e a lúa acomodándose ao espazo, outro recurso do románico e, máis concretamente, dos tímpanos.
O Cristo xacente é outro exemplo de primitivismo. O seu sudario é despregado por dous anxos dende as columnas do baldaquino e cruza rixidamente o espazo. O rostro é de factura popular, a anatomía é expresionista, a base de paralelas e xogos nos panos, que se acrecentan na obra definitiva grazas á policromía.
A obra definitiva componse dun frontal con arcadas sobre columnas de fuste de granito negro da Escravitude e capiteis de pedra branca de Vigo, ante un fondo vermello de pedra do Faramello. Para a mesa utiliza pedra branca de Castrelos, co cal consegue unha policromía na que está representada Galicia.
O altar está flanqueado por dous pares de fustes avermellados, de pedra do Porriño, rematados por capiteis decorados con elementos vexetais que nos volven evocar o Pórtico da Gloria. Ocorre o mesmo cos anxos, que nos seus rostros, nos panos e no detalle das perlas tamén nos fan lembrar os mozos cos instrumentos da Paixón do Pórtico compostelán. A súa pedra branca e fina contrasta coa escuridade da pedra denegrida da Escravitude, que compón a arcada superior. A cor sepia de tres castilletes de pedra do Faramello conseguen darlle maior cromatismo ao conxunto que lle serve de marco ao grupo de A Piedade.
Sobre a mesa do altar aparecen catro columnas sustentantes de granito gris de Ponte Maceira e de granito branco de Pontevedra. O paralelismo co Pórtico vólvese facer patente polo traballo dos relevos, fronte á superficie pulida do fondo.
Outro antecedente para a columna central é a árbore de Jessé, pero con modificacións figurativas. Na base, Jessé é substituído por Suevia, que traballa nun tear. Representa de novo o matriarcado, a Galicia nai presidindo a vida das vilas e das aldeas. Entre a decoración vexetal aparecen os símbolos de "fortuna e xoio" representados por unha figura masculina, a do mariñeiro galego. Sobre este conxunto aparece a personificación da morte: o home moribundo vincúlase á vida co testamento, representado por un profeta con rolo e bonete, mentres a relixión lle promete a Binmortalidade. A figura está marcada polo patetismo, a cabeza moribunda vólvese melancólica cara ao máis aló, mentres que os panos se cinguen ao corpo en forma
de mortalla. Este grupo, á súa vez, coróase cunha figura de muller (con forma de cruz) que porta o tarro da última unción.
O remate é un capitel onde a alma espida goza da benaventuranza entre dous anxos cuxa silueta elíptica lembra as mandorlas románicas. Mentres, nos laterais represéntase a volta do emigrante á terra que o viu nacer a través de elementos simbólicos de tradición xacobea, como a barca ou o carro de bois, vehículos destinados á carga dos corpos, dirixidos por dúas figuras de clara inspiración poscubista.